jueves 17 de febrero de 2011

Viaxe ó FOSDEM 2011 (II)

E logo da paréntese, continuamos.

04:30 Diría que comeza un novo día, pero aínda é noite pecha. Arranxámonos un pouco, recollemos e andando, que é xerundio.

05:15 No vestíbulo do hotel. O local onde se dan os almorzos non abre ata dentro dunha hora. Toca almorzar facendo uso das máquinas expendedoras do local 24 horas. Un té e algo de picar arránxanme algo o estómago.

05:30 Collemos o microbús ó aeroporto. Había outro bus ás 06:00, pero preferimos non arriscar, que xa se sabe que o tráfico en Madrid é complicado e Murphy un desgraciado.

05:45 Chegamos ó aeroporto. Toca agardar (outra vez).

07:20 A esta hora deberiamos de estar partindo cara a Bruxelas. Pola contra, aínda estamos comezando a embarcar.

08:00 Partimos por fin. Quén o diría.

10:20 Chegamos... a Charleroi. Aínda hai que ir ata Bruxelas (55 km). Como fomos previsores, xa levabamos miradas as distintas opcións: bus máis tren, ou bus a secas. Aínda que nun principio preferiamos a primeira opción, logo de falar cunha das azafatas do punto de información, decantámonos pola segunda.

10:45 Toca gardar unha longa cola pra coller os billetes, pasando moito frío e ó carón dunhas italianas moi escandalosas.

11:15 Saímos para Bruxelas. Por diante, 55 km e 45 minutos de viaxe.

12:00 Chegamos. Estamos na estación de Gare du Midi. Metémonos no descomunal edificio que conforma a estación (a parada do bus estaba fóra). Andamos un pouco perdidos. Logo de buscar un pouco, acabamos por preguntar e encamíñannos cara o metro.

12:15 Damos coa entrada do metro e coas máquinas expendedoras de billetes. Hai ringleiras enormes de xente agardando o seu turno. Hai un revisor que está botando unha man á xente pra sacar os seus billetes co fin de axilizar os trámites e reducir as ringleiras. Pregúntolle se o bono de 3 días (si, tamén levabamos iso estudiado) vale para tódolos transportes ou só para o metro. Amablemente, contéstanos que si e, ó ver que sacamos billetes pra pagar, diríxenos a outro mostrador, pois seica as máquinas só aceptan moedas.

12:30 Logo de facer cola outra vez, collemos a liña 2 de metro, dirección Simonis (Elisabeth). Uns minutos e tres paradas despois, baixámonos en Louise.

12:35 Estamos case case no centro de Bruxelas. E o apartahotel está mesmo á saída do metro, tamén pegada a unha parada do tranvía. Así dá gusto.

12:45 Xa estamos no apartahotel, o Toison d'Or. Rexistrámonos e subimos á habitación, a 417. Bonita habitación partida en dúas prantas. É antiga, moi antiga, como a maioría dos edificios belgas, pero está ben equipada e ten o seu aquel.

13:00 Xa instalados, abandoamos o hotel rumbo ó FOSDEM co portátil ó lombo. Collemos o tranvía. Neste caso, a liña 94, con dirección a Hermann-Debroux.

13:15 Dez paradas máis aló, baixámonos na Université Libre de Bruxelles (ULB). Un par de minutos a pé e xa estamos no FOSDEM. ¡Por fin!

13:20 Tras saudar a todo coñecido que atopamos por alí, damos unha volta de recoñecemento polo edificio principal. Chámame moito a atención o pouco tacto que tivo a organización ó colocar pegados os stands de proxectos que son forks (escisións) recentes uns dos outros e que non se levan moi ben entre si, coma OpenOffice e LibreOffice, ou Mandriva e Mageia.

13:30 Diego decide ir a unha charla sobre Firefox. Eu atopo o stand de Mandriva. Chámame a atención o pouco elaborado que está o stand. Un par de pegatinas pra regalar e un par de monitores exhibindo Mandriva Server 5.2 e coa que nin sequera se pode interactuar, pois nin os monitores son táctiles, nin hai teclado ou rato á vista. Atreveríame a dicir que era o peor stand do evento. Pero non podo deixar pasar o momento de saudalos e presentarme. Boto un anaco falando con un rapaz noruegués que traballa para Mandriva, bastante simpático, pero cun toque psicótico.

13:45 Aparece outro representante de Mandriva de xersei e camisa, que me saúda moi efusivamente. Resulta ser un dos xefazos. Fico pampo mentres babexo. Invítame a formar parte do stand durante un anaco e a manter unha reunión informal con eles. Durante tres cuartos de hora, explícolles e ensínolles o Proxecto Trasno, pregúntanme sobre qué sistema de traducción en liña nos gustaría que tivese Mandriva (falan de Pootle, pero coméntolles que preferimos Transifex) e intentan resolver o meu problema co acceso ó svn mediante ssh (sen conseguilo finalmente). Mañá pouco productiva en canto a charlas, pero moito en canto a relacións socio-laborais.

14:30 Van sendo horas de ir xantar. Levamos sen picar nada dende as 5 da mañá. Estamos esfameados. Pero antes de nada, quedamos con Alberto (o terceiro inquilino da nosa habitación, ó que aínda non coñecemos) pra vernos as caras polo menos. Logo diso encarrílanmos de cara a un bar da organización. Un bocata e algo de beber e xa estamos listos pra outra.

15:00 Comezamos a tarde de charlas. Escollemos unha sobre web, no edificio Chavanne: "Qt Webkit goes Mobile". Pintaba interesante. Trabucámonos. Charla soporífera (e máis despois de xantar) sen interese ningún. Caro costou manterse esperto (menudas cabezadas que peguei). A wifi vai fatal. Non me resulta posible retransmitir o evento.

15.45 Intento meterme na charla "Intro to Qt and QtQuick" na aula H.1309 do edificio principal, pero cando dei chegado xa estaba chea.

16:00 Remato por meterme na charla á que ía Diego, na aula H.1308: "HP & comm. Linux distros". Outro craso erro. Só se dedican a vender a moto e a contar o ben que se levan coas principais distros.

16:30 A parte dunhas charlas de Gentoo, nada interesante ata as 18:00. Decidimos ir tomar un café. Polo camiño atopámonos con Antía, que pretendía ir dar unha volta turística. Acabamos por liala e veu tomar un café con nós, xP. De alí a un anaco apareceu tamén Millán.

18.00 Convénzoos pra ir ver a charla "Introduction to FreeBSD", na aula AW1.126. Saiume ben a xogada. Daa un rapaz alemán moi simpático e ó que se lle entende moi ben. Xa coñezo todo o que conta, pero resulta unha charla moi amena. O resto pensa igual. A mellor charla do día sen dúbida.

19:00 Rematan as charlas do día. Collemos de cara ó hotel. Polo camiño, trazamos de ir dar unha volta turística guiados por Adrián e de ir cear despois por aí.

19:30 Estamos no hotel. Quedamos en vernos ás 20:10 no vestíbulo.

20:30 Logo do típico atraso, partimos dar unha volta. Adrián lévanos ata a Grand Place, a Bolsa, a Jeanneken Pis (ou o Manneken Pis en versión feminina), etc.

21:30 Logo de dar varias voltas e de agardar por Millán na Grand Place (que se nos pasou avisalo), miramos de ir cear. Recorremos varios restaurantes recomendados polo recepcionista do hotel (que curiosamente era galego), pero estaban todos ateigados.

23:00 Xa cansos de dar voltas metémonos nun Pizza Hut que viramos antes e pedimos un par de pizzas. Tardan anos en servirnos. Resulta moi irónico, sendo un local de comida rápida.

00:15 Logo de liala parda pra pagar (pois perderamos o ticket), saimos á rúa e buscamos un sitio onde tomar un café.

00:30 Topamos un café antiquísimo á beira da Grand Place. Parámonos diante da porta. Está todo rematado en madeiras nobres e cheo de mobres caros. Dentro hai un pianista que intenta pasar por músico de jazz. Ó meu parecer, non o consigue. Só atrapalla improvisacións sobre unha partitura clásica que recoñezo, pero que non identifico. Pedimos cafés, gofres, xelados... puro vicio (menos eu que ando a infusións, T_T).

01:45 Logo dunha animada conversa e unha agradable velada (non vos imaxinades o tranquilos que son os cafés en Bruxelas; nin un chío; así da gusto), saimos do café en dirección ó hotel. Millán despídese de nós.

02:15 Chegamos ó hotel. Despedímonos de Adrián.

02:30 Xa na habitación. Isto foi todo o que deu de si o sábado. Caemos rendidos nos brazos de Morfeo.